O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica aos sete “magníficos candidatos e candidatas” á Alcaldía das cidades galegas, nun acto na Cidade da Cultura que converteu a Santiago de Compostela en capital do municipalismo nacional, baixo o lema “Máis cerca”, xa que ademais das apostas galegas, tamén se presentaron os candidatos das 50 capitais de provincia de toda España. Dirixíndose aos líderes das urbes galegas, o presidente autonómico lembroulles aos candidatos que contan detrás cun partido “potente, unido e orgulloso”. Asegurou tamén que os aspirantes populares “están a anos luz de calquera candidato dos demais partidos”.
Así o manifestou o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, durante a clausura do acto de presentación de candidatos, onde aproveitou para desexarlles “Bo camiño” de cara ás eleccións municipais de 2027, facendo un guiño ao Xacobeo do ano que vén, que volverá a converter á capital galega no gran destino do mundo.
Rueda agradeceu a elección de Santiago de Compostela para este arranque do reto electoral, xa que “aquí demostramos que se pode gobernar, con estabilidade e sentidiño”, cunha “identidade” que define tamén ao Partido Popular. “Temos máis identidade que ninguén, pero tamén estamos orgullosos de formar parte do país ao que pertencemos”, reivindicou Rueda, fronte a existencia do nacionalismo en Galicia. “Temos o peor nacionalismo que hai, o independentista”, engadiu.
AMBICIÓN PARA IR A POR MÁIS GOBERNOS POPULARES
Falando xa do reto electoral, o presidente autonómico puxo sobre a mesa a “ambición” do PPdeG, lembrando que se goberna con maioría absoluta en Galicia e se goberna na maioría de concellos. Sen embargo, subliñou, “aínda que gañamos en case todas, aínda non gobernamos na maioría das grandes cidades”, polo que animou aos equipos populares a “ir a por máis” de cara ao importante reto das municipais de 2027.
Referíndose a cada candidato das cidades galegas, comezou por reivindicar o papel de José Manuel Rey Varela en Ferrol, que “colleu unha cidade que necesitaba volver acender o motor e ilusionarse”.
En Lugo, puxo en valor a “valentía” de Elena Candia por asumir o reto de non esperar a que chegaran as eleccións de 2027 para tomar as rendas da cidade, “facendo que Lugo reviva, cun ano por diante para demostrar o seu liderado”.
A Rafa Domínguez, candidato en Pontevedra, agradeceulle que volva a intentar ser o próximo alcalde da cidade, a pesar de haberse quedado a pouca distancia nas últimas eleccións. “Esta vez si serás alcalde”, aseguroulle.
En Ourense, referiuse ao “difícil reto” de Ana Méndez por decidir que Ourense “ten que saír do surrealismo no que está instalado”, para o que lidera un equipo “con gran impulso, que nos dará unha alegría en 2027”.
Rueda animou a Miguel Lorenzo, da Coruña, a “seguir loitando” pola súa cidade, agradecéndolle tamén que “non se desanimase por quedar a pouca distancia, collendo impulso”, asegurando que será o próximo alcalde.
De Luisa Sánchez, en Vigo, valorou a súa “valentía e determinación” por asumir o reto “nunha cidade onde todo é moito máis complicado politicamente”, pero “non renunciamos a nada” e aseguroulle un “magnífico resultado”.
Por último, a Borja Verea, na capital galega, agradeceulle o seu liderado na oposición, fronte a unha lexislatura do BNG que ten “un goberno en descomposición, con política de dogmas, ideoloxía elevada ao infinito e xestión no subsuelo”. Por outra banda, o presidente do PPdeG puxo en valor o papel de Alberto Núñez Feijóo para que España “recupere o tempo perdido e o maltrato constante de gobernos socialistas, con vontade de división”. Para iso, reivindicou o PP como un partido “reformista, de xestión e eficacia”, para o que o líder nacional dos populares conta con candidatos dispostos “a gañar todas as batallas”. JOSÉ MANUEL REY VARELA: “SEGUIREMOS GOBERNANDO CON FEITOS”
José Manuel Rey Varela lembrou que hai catro anos decidiu presentarse para volver ser alcalde de todos os ferroláns e superar anos de leas e inestabilidade cun proxecto que unise a todos. Para gañar o presente e o futuro e para facer realidade un soño de mocidade: “Que Ferrol fose máis grande e que os nosos fillos non tivesen que abandonar Ferrol en busca de oportunidades. Que perder non fose o normal.” “Hoxe podemos dicir con orgullo que ese cambio está en marcha: Ferrol crece en poboación, crece en emprego, crece en investimento e, sobre todo, crece en orgullo de cidade. Hoxe máis que nunca podemos dicir máis forte “Opa Ferrol!”, exclamou. Así mesmo, anunciou que se presenta cun compromiso moi claro: “seguir escoitando aos veciños, seguir traballando sen descanso e seguir gobernando con feitos.” GALICIA, EPICENTRO DA POLÍTICA NACIONAL
A Cidade da Cultura, no Monte Gaiás, foi o lugar elixido como epicentro da política nacional, nun acto no que, ademais da intervención dos sete candidatos galegos á Alcaldía das cidades, tamén se incluíu a participación dos candidatos a liderar as capitais de provincia de España. O presidente nacional dos populares, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado da proclamación oficial dos candidatos, os que interviron por orde alfabética despois da tradicional foto de familia.
A presentación dos candidatos, na que tamén interveu o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, prodúcese un día despois do Comité Electoral Nacional do PP, celebrado na Coruña, no que se aprobaron os nomes dos candidatos das capitais para as eleccións municipais de 2027, tras unha reunión na que participaron o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, e o presidente do Comité Electoral Nacional, Diego Calvo.
Actualmente, das 50 capitais de provincia, o PP goberna en 30. E, das 20 capitais de provincia nas que non goberna, renóvanse para as próximas eleccións municipais 11 candidaturas, o que supón o 55% do total. Ademais, 21 das 50 candidaturas están encabezadas por mulleres, o que representa o 42% do total.




