Ferrol, 13 de novembro do 2026. O candidato número 1 ao Senado, José Manuel Rey Varela, acompañado das candidatas suplentes ao Senado, Verónica Casal e Kristel Testa, e da directora da campaña, Martina Aneiros, mantivo esta mañá un almorzo informativo cos medios de comunicación no que trasladou unha mensaxe centrada na necesidade dun cambio político en España, liderado por Alberto Núñez Feijóo, e na importancia de que “Ferrol conte cun Goberno central que coñeza as necesidades da nosa cidade e se comprometa co seu futuro”.
Na súa intervención, Rey Varela cualificou estas eleccións como as máis trascendentes desde a Transición e contrapuxo dúas formas de entender a política: “Quen entende o poder como un fin en si mesmo e quen cre na política como un servizo ao noso país”. Así, defendeu a importancia da estabilidade, da capacidade de xestión e do diálogo institucional para afrontar os retos que presentan España, Galicia e Ferrol.
O responsable popular referiuse aos compromisos pendentes do Goberno de Pedro Sánchez coa cidade, especialmente no ámbito das infraestruturas, da industria naval e da vivenda. Así, puxo o foco na conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña , que perdeu frecuencias e horarios, “o tren en lugar de avanzar retrocedeu, Ferrol perdeu o tren con Madrid por Pedro Sánchez”. Neste sentido, asegurou que non vai permitir que a cidade siga perdendo oportunidades e lamentou que o ministro de Transportes non o recibise, a pesar das numerosas cartas e interpelacións no Senado para abordar esta cuestión.
Así mesmo, denunciou a falta de avances no proxecto da estación intermodal, un proxecto estratéxico. Ferrol é a única das sete grandes cidades galegas que aínda non asinou o convenio.
En segundo lugar Rey Varela referiuse á falta do compromiso do Goberno central co sector naval. Así, lembrou que interpelou no Senado á ex ministra de Facenda, María Jesús Montero, sobre o proxecto do dique, infraestrutura fundamental para o futuro de Navantia. Catro anos despois, lamentou, Navantia segue sen contar con esta infraestrutura para mellorar a súa competitividade e incrementar a carga de traballo.
E por último, abordou o incumprimento dos anuncios relativos á construción de 400 vivendas en Ferrol. Segundo denunciou, a pesar dos compromisos e anuncios electorais realizados polo Goberno central, non se construíu nin unha soa vivenda.
Neste sentido, criticou que o Goberno de Pedro Sánchez non aprobase ningún orzamento nos últimos catro anos, o que evidencia a falta de concreción dos compromisos adquiridos coa cidade. “Sen orzamento, as promesas non se cumpren”, advertiu.
Fronte a esta situación, Rey Varela destacou que o Concello de Ferrol presentará nas próximas semanas os seus quintos orzamentos, como mostra do compromiso municipal coa planificación e a execución de proxectos na cidade.
FERROL EN GRANDE
No encontro cos medios, Rey Varela repasou tamén as principais actuacións desenvolvidas polo Goberno municipal nestes tres anos de mandato coa maioría absoluta que lle deron os ferroláns e ferrolás.
O aval desta xestión municipal está nos grandes proxectos que están en marcha entre eles destacan Abrir Ferrol ao Mar, cun investimento de 15 millóns de euros; a Cidade do Deporte, con 18 millóns; os 12 millóns de euros do convenio que permitirá acometer a maior transformación urbana da cidade; o saneamento no rural, o museo de Ferrol e, onte mesmo, o investimento de 13 millóns de euros para a construción do EI3 no campus de Ferrol.
“A mesma determinación e colaboración que temos coa Xunta terémola co Goberno do Estado”, asegurou, “xa temos preparadas as carpetas coas principais demandas de Ferrol para trasladalas aos diferentes ministros”. Como alcalde e como senador seguirei defendendo por riba de todo os intereses de Ferrol, garantiu Rey Varela.
CAMPAÑA DO CAMBIO
Durante os próximos días de campaña, o Partido Popular percorrerá os distintos barrios e parroquias de Ferrol, ademais de organizar encontros sectoriais co tecido social e empresarial da comarca para abordar os principais retos e necesidades do municipio.
Para finalizar, Rey Varela situou a candidatura de Alberto Núñez Feijóo como a proposta de cambio que defende o Partido Popular para España. “Temos ao mellor candidato, sabe gobernar y xestionar e porá en marcha o programa comprometido coa cidadanía”.
Saúdos, Comunicación Partido Popular de Ferrol




