O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, salientou hoxe a “importante aposta que estamos facendo por modernizar o Hospital de Ferrol” e concretou que a primeira fase da remodelación, cun orzamento de 56,8 millóns de euros, rematará o vindeiro ano e que a Xunta xa está traballando na segunda fase, que suporá un investimento de 70 millóns de euros.
Así mesmo, avogou por impulsar un hub de eólica mariña en Ferrolterra, que compatibilice a fabricación de instalacións e o emprazamento de parques eólicos nestas costas, sempre respectando a conservación do medio ambiente e os recursos pesqueiros.
Alfonso Rueda celebrou esta mañá un almorzo con representantes da sociedade ferrolá no que incidiu en que “a política debe servir para avanzar e para solucionar problemas e mellorar as nosas cidades e Galicia”. “Nós nos plantexamos fórmulas máxicas e plans de choque que acaben con todos os problemas, sen concretar nin saber de onde vai saír o financiamento para levar adiante estas fórmulas imposibles”, sinalou.
APOSTA IMPORTANTE POLO HOSPITAL
Deste xeito, concretou que nos últimos anos “temos investido cantidades importantes en Ferrol: 37,62 millóns de euros na área sociosanitaria; 141,68 millóns en infraestruturas e equipamentos; e 83,99 millóns en apoio a sectores estratéxicos”, aos que se engaden outros 184 millóns de euros en actuacións que neste momento se están executando.
Dentro deste ámbito sociosanitario, Rueda confirmou a construción dun novo centro de saúde no barrio de San Xoán e agradeceu á Fundación Amancio Ortega a construción da residencia de maiores de Obertón, que estará rematada no primeiro trimestre do vindeiro ano 2025. Este centro supón un investimento de 11 millóns de euros, creará 110 emprego e ofrecerá 120 prazas.
Alfonso Rueda destacou “a enorme oportunidade da comarca de Ferrolterra coas enerxías renovables”, polo que avogou polo impulso dun hub da eólica mariña que compatibilice a construción de elementos nos seus estaleiros coa instalación de parques nas súas costas.
Así, considerou “absurdo esas posicións políticas demagóxicas que din que isto non se pode facer, porque, de non levarse a cabo en Galicia, eses proxectos vanse ir a outros lugares”. “A Xunta ten que ser un aliado máis neste obxectivo, porque debemos traballar todos xuntos, con sentidiño e valorando as repercusións medioambientais e nos recursos pesqueiros que estas instalacións poden ter”, apuntou.
MELLORA DAS COMUNICACIÓNS
Na súa intervención, tamén falou da mellora das comunicacións en Ferrol. En concreto, dixo que “hai que seguir presionando ao Goberno central para que a Ferrol cheguen as infraestruturas necesarias”, e amosou o compromiso de avanzar na construción dunha estación intermodal no momento que se vaian concretando esas melloras nos servizos ferroviarios.
Respecto da mobilidade por estrada, explicou que a Xunta está investindo máis de 15 millóns na AC-862 (cunha primeira fase xa rematada e en execución a segunda); rematou a obra da estrada Valdoviño-Cedeira; e séguese coa planificación da VAC Costa Norte entre Ferrol e San Cibrao, que este ano conta con 4 millóns de euros para o tramo San Sadurniño-Sanguiñeira. “Ao mesmo tempo, seguimos promocionando o transporte público por estrada: 14.000 menores de Ferrolterra viaxan de forma gratuíta nos autobuses da Xunta coa tarxeta Xente Nova, unhas vantaxes que agora se estenderán tamén aos maiores de 65 anos”, sinalou.
Ademais de realizar obras de mellora en 22 concellos de Ferrol nos últimos anos, Alfonso Rueda destacou que esta comarca “é a segunda, só superada por Santiago, onde máis éxito está a ter a FP Dual”. “Temos que facer aínda máis atractiva a FP Dual, unha opción formativa na que os estudantes ven que, ao mesmo tempo que están estudando, poden acceder ao mercado laboral”, indicou.
COLABORACIÓN XUNTA-CONCELLO DE FERROL
Para rematar, e como mostra da boa colaboración existente entre a Xunta e os actuais responsables do Concello de Ferrol, o Presidente do PPdeG salientou o recente convenio asinado para a mellora das instalacións deportivas neste municipio, que suporá un investimento —cofinanciado co Concello— de 18 millóns de euros; así como o desenvolvemento do proxecto para abrir Ferrol ao mar, que permitirá derrubar o muro que separa a cidade do Arsenal ferrolá.
Ademais, Alfonso Rueda destacou “as enormes oportunidades de Ferrol no ámbito do turismo” e confirmou a implicación da Xunta para conseguir a súa declaración como patrimonio da humanidade ante a UNESCO.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, lembrou: “Coñezo desde hai moitos anos a Alfonso Rueda e desde o primeiro momento xa sentín que transmitía liderado, confianza e, sobre todo, cumprimento da súa palabra. Iso é o que Ferrol e Galicia necesitan, e por iso quero agradecer a Alfonso Rueda o seu compromiso con Ferrol e que siga cumprindo coa súa palabra”.