13 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, pediu hoxe en Ferrol o voto maioritario dos galegos para que “desde o mesmo día 19 de febreiro o Goberno comece a traballar” e comprometeuse a poñer en marcha nos 100 primeiros días medidas como a gratuidade da matrícula universitaria; a rebaixa do impostos de sucesións para irmáns, tíos e outros parentes; a gratuidade dos primeiros gastos para adoptar un animal de compañía; custo cero durante oito anos do solo público empresarial; e iniciar a construción de 375 vivendas de promoción públic
Alfonso Rueda afirmou que quere poñerse a gobernar “desde o primeiro día”, polo que avanzou que “desde o mesmo 19 de febreiro nos poñeremos a traballar para aprobar un bo número de medidas nos 100 primeiros días de goberno”. Neste sentido, indicou que “para que te tomen en serio hai que facer propostas serias”, polo que asegurou que “non perderemos o tempo para ver a que temos que renunciar, como traen os gobernos de coalición de esquerdas”.
Así, concretou o compromiso de aplicar neste tempo diversas medidas recollidas no programa electoral do PPdeG: a matrícula universitaria gratuíta de cada materia en todos os cursos; iniciar a rebaixa do imposto ás herdanzas para irmáns, tíos e outros parentes, ao tempo que se mantén a práctica eliminación para fillos e pais; a gratuidade do chip e primeiras vacinas dos animais de compañía que se adopten; solo público empresarial da Xunta a custo cero durante os primeiros 8 anos de actividade; e iniciar a construción das 375 primeiras vivendas de promoción pública, das máis de 4.200 previstas para toda a lexislatura.
O presidente do PPdeG lembrou que “temos un programa electoral para desenvolver nos vindeiros catro anos con 872 medidas, todas elas taxadas e aprobadas polo conselleiro de Facenda”, polo que agora “o noso pacto é con todos os galegos, e eles serán os únicos que terán que pedirnos contas”
QUE GALICIA SE SUPERE A SI MESMA
“Quero que Galicia se supere a si mesma e cada día avance máis”, asegurou o candidato do PPdeG, quen alertou de que “a alternativa é unha sucursal do Goberno central”. Deste xeito, engadiu que “unha Galicia que non quere parar non pode permitirse gobernos sen experiencia e que non teñan manexado un euro público na súa vida”. E subliñou que “só o Partido Popular de Galicia se presenta ante os galegos coa experiencia, a solvencia e a capacidade de traballo necesarias para que a nosa terra non perda nin un minuto”.
Alfonso Rueda tamén tivo palabras concretas sobre Ferrol e sinalou que “no diálogo, a colaboración e o cofinanciamento entre administracións está o segredo, e por iso aquí chegamos a acordos que noutros sitios son imposibles”. Así, en concreto, impulsaranse a fase final das obras de ampliación e reforma do complexo hospitalario de Ferrol, cun investimento total superior aos 131 millóns de euros; levarase adiante o proxecto Abrir Ferrol ao Mar; e sairá adiante o programa de mellora de infraestruturas deportivas, cun investimento de 18 millóns de euros.
“Ferrol, cunha Xunta do PPdeG, seguirá medrando, porque precisa un trato xusto e afastado das promesas dun Goberno central que son unicamente propaganda”, destacou.
GOBERNOS ESTABLES QUE FUNCIONAN
Previamente, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, manifestou que “estamos vendo como con gobernos estables, Ferrol funciona e Galicia funciona”. “Durante os últimos seis meses vimos como Ferrol avanzou con proxectos dos que se levaba moitos anos falando pero non había nada”, lembrou.
“Nós presentamos feitos e xestión; os outros só palabras e promesas”, subliñou, para apuntar que “eu hoxe non veño aquí a pedirvos o voto, senón a confianza, confianza aos que nos votastes sempre, a todos os que sen votar ao PP confiastes en min e aos que están pensando en quedarse na casa: que saiban que en Alfonso Rueda teñen unha opción”.