Alfonso Rueda asegura que quedar na casa o 9 de xuño supón avalar un Goberno central que incumpre con Galicia

Mitin elecciones europeas Alfonso Rueda en Ferrol

3 de xuño de 2024. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento ao voto nas eleccións europeas do 9 de xuño apelando ao moito que hai en xogo e asegurando que quedar na casa ese día supón tamén avalar un Goberno central que incumpre con Galicia cada día.

Explicou que está en xogo ter unha voz de sentidiño en Europa, que defenda os intereses dos galegos en materias como a pesca, o agro ou as infraestruturas. Pero, sobre todo, plantarlle cara ao desgoberno dun Pedro Sánchez que pretende que a cidadanía avale nas urnas a súa política de incumprimentos.

Uns incumprimentos que exemplificou en materia industrial, criticando neste sentido que continúen embalsados miles de millóns de euros de fondos europeos destinados á industria galega e que o Goberno central se nega a distribuír.

En clave local e aproveitando a súa presenza na cidade, o líder dos populares galegos afirmou que, co seu voto, os ferroláns poden expresar a súa resposta ante un Goberno que se esquece de Ferrol e das súas necesidades en infraestruturas.

Polo tanto, pediu a todos os galegos que o 9 de xuño amosen o seu rexeitamento a que Pedro Sánchez siga comprometendo os recursos de todos para pagarlle os votos aos seus socios independentistas, e facelo votando polo PP e para que xente como Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez defendan a Galicia en Europa.

REY VARELA: “CON GOBERNOS ESTABLES, GALICIA E FERROL FUNCIONAN”

Pola súa banda, o alcalde José Manuel Rey incidiu na súa intervención na importancia de contar con gobernos estables, como o que preside Alfonso Rueda, para garantir que Galicia e Ferrol funcionen.

Unha estabilidade que se traduce en realidades como son a apertura da cidade ao mar, o proxecto da Cidade do Deporte, o investimento nos dez Centros de Educación Infantil e Primaria, o saneamento do rural ou a ampliación e reforma do hospital.

Explicou que moitos destes proxectos non serían posibles sen uns fondos europeos que son fundamentais para facer realidade tamén a transformación do Astillero 4.0 en Navantia ou a conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña.

“Estes fondos non serán realidade sen un goberno serio en Europa que saiba onde está Ferrol”, afirmou amosando a súa confianza nos representantes galegos que conforman a candidatura do Partido Popular e poñendo en valor que, grazas ao traballo de Francisco Millán Mon na pasada lexislatura, foi posible incluír a Ferrol na Rede Transeuropea de Transporte a pesar dos atrancos do PSOE.