Ferrol, 25 de novembro do 2026. O candidato número un ao Senado pola provincia da Coruña, José Manuel Rey Varela, presentou hoxe as principais propostas de Alberto Núñez Feijóo dirixidas á mocidade de cara ás eleccións do próximo 29 de novembro, cunha especial atención ao acceso á vivenda, a creación de emprego, o emprendemento e as oportunidades de formación. “Os mozos son o futuro e necesitan un goberno que se ocupe dos seus problemas reais. Con Feijóo, a mocidade terá máis facilidades para acceder á vivenda, emanciparse e desenvolver o seu proxecto de vida”, asegurou.
MENOS IMPOSTOS E MÁIS FACILIDADES PARA MERCAR VIVENDA
O candidato ao Senado explicou que unha das principais medidas propostas por Feijóo será reducir o IVE da compra da primeira vivenda do 10 % ao 4 % para os menores de 40 anos, permitindo ademais o seu pagamento fraccionado ao ritmo da hipoteca.
No caso da vivenda de segunda man, promoverase un acordo coas comunidades autónomas para establecer un Imposto de Transmisións Patrimoniais reducido na adquisición da primeira vivenda por parte dos mozos, tamén con posibilidade de pagamento fraccionado.
A proposta contempla igualmente ampliar a catro anos o prazo para reinvestir o importe obtido pola venda da vivenda habitual e manter a correspondente exención no IRPF.
En materia hipotecaria, ampliarase o aval público, que cobre ata o 20 % do valor da vivenda, aos compradores menores de 40 anos, coa posibilidade de estender o límite de idade ata os 50 anos. “O aval público facilitará que a hipoteca cubra tamén a entrada que hoxe moitos mozos non poden reunir”, confirmou.
Este compromiso coa emancipación dos mozos tamén ten a súa expresión en Ferrol, onde a Xunta de Galicia oferta 400 vivendas públicas, a maoría delas xa en proceso construción no Bertón e as primeiras serán entregadas xa no 2027. “Unha aposta decidida da Xunta, con Alfonso Rueda, por ampliar a oferta residencial e facilitar que máis ferroláns, especialmente os máis novos, poidan acceder a unha vivenda e desenvolver o seu proxecto de vida na cidade”.
Mentres Ferrol segue á espera da promesa electoral de Pedro Sánchez de construír 300 vivendas no Sánchez Aguilera máis as anunciadas tamén no Cuartelillo de Marinería. “Unha cousa son os contos e outras as contas”, afirmou, “a Xunta cumpre con Ferrol ofrencendo vivenda para os mozos mentres o goberno de Sánchez só fala en campaña, para iso lle recordamos que non construiron nin unha soa vivienda en Ferrol”, advertiu Rey Varela.
UNHA HUCHA PARA FACILITAR O AFORRO DOS MOZOS
Outra das iniciativas do Partido Popular é a creación da denominada Hucha Fogar Nova, dirixida aos menores de 40 anos. Esta medida permitirá achegar ata 2.000 euros anuais a unha conta de aforro destinada á compra da primeira vivenda, cunha dedución fiscal do 20 % das cantidades achegadas e un límite acumulado de 40.000 euros.
As rendas medias e baixas, xunto aos mozos e os autónomos pagarán menos IRPF. “Quen cobre o salario mínimo non pagará IRPF: por lei, o limiar subirá automaticamente cada vez que suba o SMI, para que ningún Goberno poida volver cobrar impostos a quen menos gaña polo simple feito de non tocar unha cifra”, apuntou.
FACILIDADES PARA OS MOZOS AUTONÓMOS
No caso dos mozos autónomos e dos traballadores de entre 18 e 35 anos, aplicarase unha redución do IRPF durante os catro primeiros anos nos que teñan que tributar: o 100 % durante o primeiro ano; o 75 % durante o segundo ano; o 50 % durante o terceiro ano e o 25 % durante o cuarto ano. A medida aplicarase desde a primeira declaración posterior á aprobación da lei.
O candidato destacou tamén as medidas destinadas a apoiar a incorporación dos mozos ao mercado laboral e, especialmente, ao sector agrario. Os novos agricultores e gandeiros poderán percibir anticipadamente ata o 70 % das axudas da PAC destinadas á súa incorporación e beneficiarse de vantaxes fiscais específicas.
EDUCACIÓN E FORMACIÓN PARA TODOS
“O futuro dos mozos non pode depender da renda das súas familias, senón do seu talento, do seu esforzo e da súa capacidade”, afirmou Rey Varela.
Neste sentido, Feijóo propón converter as bolsas nun dereito garantido por lei para quen as necesite e cumpra os requisitos académicos, establecendo os mesmos limiares económicos para os estudos universitarios e a Formación Profesional.
Os estudantes que elixan ciclos de FP de alta demanda laboral estarán exentos do pagamento da matrícula. Tamén se crearán bolsas de excelencia para os mellores expedientes e facilitarase que os mozos con maior talento poidan estudar na universidade que desexen.
Por último, Rey Varela destacou o compromiso de garantir que as futuras pensións dos mozos manteñan o seu poder adquisitivo. “Queremos un país no que os mozos poidan estudar, traballar, emprender, acceder a unha vivenda e formar unha familia sen que a falta de oportunidades condicione o seu futuro. Ese é o compromiso de Feijóo coa mocidade”, concluíu. Por iso, unha vez máis insistiu en que o único voto útil para o cambio é votar a Feijóo o próximo 29N.




