Tellado destaca que Ferrol e a comarca terán novos investimentos grazas aos Orzamentos da Xunta

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, ofreceu este mércores en Ferrol a súa primeira rolda de prensa do ano, na que celebrou que o Goberno galego comece o exercicio “cos deberes feitos e os Orzamentos aprobados en tempo e forma”. Neste sentido, Tellado lembrou que a cidade e a comarca contarán con 33 millóns de euros en novos investimentos grazas aos esforzos da Xunta de Galicia.

Especial fincapé fixo o número dous dos populares galegos nos 13 millóns de euros que investirá a consellería de Política Social. O departamento liderado por José Manuel Rey Varela fará fronte á construción dunha nova residencia na cidade, unha actuación que, segundo Tellado “moitos demandaron e moitos prometeron, pero serán este Goberno e este conselleiro os que a desenvolvan”.

Despois disto, Tellado enumerou outros proxectos “fundamentais” para a cidade e a comarca tamén incluídos nas contas deste ano, como a ampliación da VAP Costa Norte, o desenvolvemento do Plan Director do Arquitecto Marcide ou a fase final do saneamento da Ría, unha cuestión que “se non se acometeu con anterioridade foi pola deixadez e a falta de colaboración do Concello”.

O secretario xeral tamén contrapuxo os fondos consignados pola Xunta coa ausencia total de investimentos na cidade do goberno municipal, dado que non foi quen de aprobar as súas contas e seguirá coa prórroga das de 2015. “Ferrol non ten Orzamentos, pero nin sequera ten un borrador deles, porque ten un alcalde á deriva que non sabe nin o que quere facer”, sinalou, para lamentar que “os cidadáns xa non poden esperar nada do seu Goberno municipal e xa só lles queda agardar á data das vindeiras eleccións para poñer fin a esta etapa”.

“HISTÓRICA” CAÍDA DO PARO

Logo de coñecerse os datos de paro rexistrado esta mesma mañá, o secretario xeral cualificou de “histórica” a caída do desemprego na Comunidade en 2017, posto que foi a maior en termos relativos (-10,15%) das dúas últimas décadas. Así, Galicia pechou o ano que acaba de rematar con 20.901 parados menos e 21.713 afiliacións máis á Seguridade Social, “uns datos que nin as estimacións máis optimistas se atreveran a vaticinar”, subliñou.

 

Tellado quixo destacar a estabilidade institucional como “gran valor económico de Galicia”, o que provoca que o seu comportamento sexa ata dous puntos mellor có da media española en materia de caída do desemprego, ou que tamén mellore as previsións de crecemento do Producto Interior Bruto para o ano que agora comeza. “Cremos que os nosos indicadores poderían ser aínda mellores se esta estabilidade se traducise tamén na maioría de concellos galegos”, apuntou.

 

Con todo, o número dous dos populares galegos lembrou que “este goberno non se caracteriza polo conformismo e os bos datos só serven como alento para seguir traballando e perseverar nunha receita que xa acreditou o seu éxito”. Para ilustrar este argumento, concluíu poñendo en valor o feito de que a Xunta aprobase xa para este inicio de ano unha dotación de 25 millóns de euros para políticas activas de emprego que se destinarán a axudar aos autónomos, a fomentar a economía social e a mellorar a formación de ocupados e desempregados para postos relacionados coa Industria 4.0.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s