Rey Varela destaca o aumento do número de horas do Servizo de Atención no Fogar en tódolos concellos da comarca

Ferrol, 17 de setembro de 2016.- O candidato ferrolán do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Jose Manuel Rey Varela, referiuse hoxe ao incremento das horas dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF Dependencia) na cidade naval e no resto de concellos da comarca levada a cabo polo goberno de Alberto Núñez Feijóo. Un maior número de horas de atención que fai posible que hoxe as entidades locais estean en disposición de que nos seus municipios non teñan lista de espera para este servizo.

 

Así, soamente en Ferrol o SAF Dependencia reforzouse o último ano con 36.000 horas máis de atención. E no conxunto de Galicia, pasáronse dos 3 millóns de horas que tiña dispoñibles esta prestación cando chegou Feijóo á Presidencia da Xunta en 2009 aos 6 millóns actuais. O obxectivo “é continuar fomentando a lista de espera cero nos servizos de SAF Dependencia, garantindo un crecemento do 10% anual no período 2016-2020 para chegar a 9 millóns de horas de atención”, explicou o candidato ferrolán.

 

Rey Varela enmarcou este reforzamento dos servizos do SAF na ampliación de tódalas prestacións en materia de atención aos maiores que se ten producido nos últimos anos. “No ámbito de maiores e dependencia podemos afirmar que hoxe en Galicia estamos mellor que hai apenas sete anos”. Así, explicou que en 2009, pese a contar con moitos máis recursos, na nosa Comunidade Autónoma eran atendidos 14.000 dependentes, mentres que na actualidade, con menos recursos, o son preto de 48.000.

 

De feito, esta cifra de persoas beneficiarias dalgún dos servizos de dependencia da Xunta de Galicia é a máis elevada dende a promulgación da lei española de promoción da autonomía persoal en decembro de 2006. “Hoxe en Galicia hai máis persoas que se benefician dos servizos do SAF, temos un maior número de libranzas de coidados no contorno familiar; hai ao redor de 14.000 beneficiarios de prazas en residencias e centros de día; e tamén ampliamos a cobertura doutros servizos como a teleasistencia”, expuxo o candidato ferrolán.

 

“Estes anos fomos capaces, a pesar das dificultades económicas, de dotar de recursos a atención á dependencia para que a lei, que naceu sen presuposto, non quedara en papel mollado”, apuntou o candidato ferrolán. Pero engadiu que “mentres haxa un só dependente con necesidades por cubrir, haberá traballo por facer”. Neste sentido, indicou que o novo proxecto de goberno de Alberto Núñez Feijóo para a vindeira lexislatura recolle a obriga de seguir completando os servizos de dependencia, “porque o noso obxectivo é dar máis cobertura e maior calidade a un número superior de galegos e galegas”.

 

MIL NOVAS PRAZAS EN RESIDENCIAS E CENTROS DE DÍA

 

Rey Varela sinalou que o compromiso de Alberto Núñez Feijóo e o seu equipo tradúcese “nunha aposta decidida por mellorar a calidade de vida daquelas persoas que teñen limitada a súa autonomía persoal”. Así, o obxectivo é que os vindeiros catro anos sirvan para continuar co despregue, xa iniciado, de novas prazas de atención residencial e diúrna nas catro provincias de Galicia ata dispoñer de 1.000 prazas máis; reforzar tódolos servizos neste ámbito, tanto os especializados como os que se prestan no contorno familiar; e poñer en marcha novas infraestruturas que alberguen servizos tanto de carácter básico como terapéutico.

 

Por último, e ao respecto de novos equipamentos de atención aos nosos maiores en Ferrol, Rey Varela referiuse á posta en marcha nestes anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo de dous novos Centros de Día e un Centro especializado en Alzhéimer; o que demostra unha vez máis que “cando falamos de compromisos facémolo con feitos; xa que a bagaxe do traballo realizado estes anos ao fronte da Xunta de Galicia é o mellor aval que temos para pedir de novo a confianza maioritaria dos veciños e veciñas desta cidade e desta comarca o vindeiro 25 de setembro”, concluíu o candidato ferrolán.

Deja un comentario