Rey Varela e Diego Calvo defenden a estabilidade política e o rigor económico do goberno de Feijóo como chave do crecemento da economía galega por riba do 3%

Ferrol, 12 de setembro de 2016.- Os candidatos desta comarca do Partido Popular de Galicia (PPdeG) Diego Calvo Pouso e José Manuel Rey Varela –números 1 e 4 pola provincia da Coruña, respectivamente- salientaron a estabilidade política e o rigor económico do goberno de Alberto Núñez Feijóo como as chaves que explican que a economía galega medre hoxe por riba do 3% e que as expectativas para este ano 2016 apunten a unha consolidación desta liña ascendente. Así o destacaron os dous dirixentes populares durante un encontro con empresarios e emprendedores que tivo lugar esta tarde nas instalacións do Hotel Carrís Almirante de Ferrol.

 

“O goberno de Alberto Núñez Feijóo foi quen, primeiro, de facer o máis difícil, e entre todos foi posible sacar ao noso país da crise; e hoxe, despois desa época de dificultades, vemos o presente e o futuro con máis optimismo ao conseguir que Galicia teña entrado na senda do crecemento”, sinalou Rey Varela. Ao respecto, engadiu que “agora do que se trata é de seguir traballando para consolidar esta recuperación e para que o crecemento da nosa economía sexa xusto; de tal xeito que ningunha familia quede fóra e que serva para mellorar a calidade de vida e o benestar dos galegos e galegas”.

 

Ademais, Rey Varela apuntou que “se Galicia crece, Ferrol e a súa comarca tamén; porque fronte ao que poden pensar algúns coas súas mensaxes catastrofistas, esta cidade e esta comarca non son nin unha illa nin un deserto”. Neste sentido, a taxa interanual de desemprego rexistra case tres anos de baixadas consecutivas, unha evolución positiva que tamén se pon de manifesto no número de afiliados, que se sitúa hoxe máis preto do millón de persoas.

 

Pola súa banda, Diego Calvo fixo fincapé nos recentes contratos conseguidos no naval, un sector que “moitos daban por morto e que agora vemos que volve situarse no lugar onde sempre tivo que estar por tratarse dun dos máis punteiros a nivel internacional”. Ao fío disto, falou da construción dos jackets encargados por Iberdrola, dos floteis que “algúns non queren ver, pero están aí”, e da importancia de que “vexamos a luz ao final do túnel coa creación de máis empregos e carga de traballo asegurada.

 

APOSTA POLOS SECTORES ESTRATÉXICOS

 

Rey Varela subliñou a aposta de Alberto Núñez Feijóo por un eixe estratéxico da economía da zona e do conxunto de Galicia como é o naval. “O compromiso do goberno de Galicia cos estaleiros da  ría de Ferrol durante estes anos é incuestionable, e demostrouse con feitos. Aí está o flotel, que moitos negaban e que supuxo un punto de inflexión despois de máis de sete anos sen contratos; e logo chegarían o encargo do Buque de Acción Marítima para Armada española e os dous buques loxísticos para Australia, así como, o proxecto das novas fragatas F-110”, destacou.

 

“A acción da Xunta de Galicia en favor do naval, en coordinación co Goberno Central, non soamente despexou os nuboeiros que ameazaban aos nosos estaleiros, senón que ademais devolveu a actividade á antiga Astano, abrindo a factoría de Fene á eólica mariña”, lembrou o candidato ferrolán do PPdeG.

 

Rey Varela explicou que o programa de goberno de Alberto Núñez Feijóo para os vindeiros catro anos mantén a defensa do sector naval, avogando por continuar coa modernización dos estaleiros, a diversificación da actividade e o reforzo da aposta por novos mercados como o eólico offshore. Así mesmo, apuntou que outra das propostas de Feijóo neste ámbito é o impulso do Centro de Innovación e Servizos de Galicia (CIS Galicia), situado na Cabana, como centro de apoio ao sector naval e de impulso á innovación tecnolóxica e a súa aplicación no tecido industrial da comarca co obxectivo de facelo máis competitivo.

 

TREN A CANELIÑAS

 

Por outra banda, o candidato ferrolán do PPdeG sinalou que a continuidade de Alberto Núñez Feijóo ao fronte do goberno galego garante o apoio da Xunta de Galicia ao tren ao Porto Exterior, que considerou “fundamental para o desenvolvemento económico e a creación de emprego en toda a comarca”. Neste sentido, manifestou que a conexión ferroviaria a Caneliñas “non se pode demorar máis, e fronte aos que se dedican a poñer pedras cuestionando os estudos e traxecto aprobados, nosoutros estamos convencidos de que se trata dun tema chave para o crecemento, diversificación e maior competencia das industrias e empresas da comarca”.

 

Por último, Rey Varela rematou a súa intervención asegurando que “en Galicia Si é posible que haxa a estabilidade necesaria para continuar coa senda de crecemento na que por fin entramos despois de anos de dificultades e restricións”. Ao tempo que se amosou convencido de que “o vindeiro 25 de setembro unha ampla maioría de galegos e galegas impedirán que se trunque esta liña de recuperación económica e creación de emprego dando a súa confianza a Alberto Núñez Feijóo e ao seu equipo para que Galicia siga avanzando nesta dirección”, concluíu.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

w

Conectando a %s