Rey Varela defende as propostas de Feijóo como as únicas con garantías de cumprirse porque non estarán suxeitas a negociacións e pactos postelectorais de despacho

Ferrol, 11 de setembro de 2016.- O presidente do Partido Popular de Ferrol e número catro da candidatura pola provincia da Coruña nas eleccións autonómicas do 25 de setembro, José Manuel Rey Varela, mantivo esta tarde un encontro con veciños e veciñas do barrio de Esteiro no que explicou as propostas para os vindeiros catro anos que ten para Galicia e para a cidade a formación que lidera Alberto Núñez Feijóo. Ao respecto, Rey Varela indicou que a candidatura do líder do PPdeG “é a única de todas as que concorren a estes comicios que pode ofrecer un proxecto de país, pensado para gobernar e con garantías de que se cumprirá; pois o resto de formacións saben que os seus programas son papel mollado e as súas propostas quedarán a expensas a negociacións e pactos de despacho no caso de que Alberto Núñez Feijóo non acade unha ampla maioría”.

 

Ademais, o candidato ferrolán do PPdeG contrapuxo a estabilidade e a solvencia de Alberto Núñez Feijóo fronte ás liortas do resto de formacións, que “son incapaces de poñerse de acordo máis aló de en botar a Feijóo; e despois ¿que?”, preguntouse. E, ao fío disto, engadiu que estes partidos “deberían pensar máis en Galicia, pero non poden porque non teñen alternativas, nin propostas, nin capacidade de xestión. Os galegos e galegas non poden agardar nada destas formacións, agás máis liortas”.

 

Así mesmo, Rey Varela destacou que Alberto Núñez Feijóo “demostra, con feitos, que Ferrol importa”. Neste sentido, considerou “moi positivo” a presenza na candidatura de ata seis representantes da comarca, con tres ferroláns situados entre os seis primeiros postos da lista provincial. Así pois, o Partido Popular de Galicia é a única formación que garante que “dende o primeiro día haberá no Parlamento ferroláns traballando por esta comarca; outros non poden dicir o mesmo”, lamentou.

 

NOVA ESCOLA INFANTIL

 

O candidato ferrolán defendeu a bagaxe de goberno en Galicia, declarando que “o traballo destes anos na Xunta é o noso mellor aval para pedir de novo a confianza da xente”. Nesta liña, e centrándose no ámbito máis local, Rey Varela referiuse ao aumento de prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos coa apertura neste mandato da nova escola infantil de Esteiro. “O apoio ás familias e, especialmente, á infancia seguirá sendo un dos nosos eixes prioritarios, porque aspiramos a que Galicia sexa o mellor lugar para vivir, formar unha familia e, sobre todo, para ser neno ou nena”, indicou.

 

Así, Rey Varela apuntou que as escolas infantís son un recurso educativo fundamental e tamén un piar básico para favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e social dos pais e nais. “Hoxe temos en Galicia máis de 22.300 prazas públicas ou financiadas con fondos públicos para a franxa de idade de 0 a 3 anos, cunha ratio de cobertura do 37%, o que significa que superamos en catro puntos a recomendada pola Unión Europea”, detallou. Ademais, engadiu que “este ano, por primeira vez en Galicia, non haberá lista de espera, xa que todos os pais e nais que non obtiveran praza na escola infantil que tiveran solicitado recibirán unha achega económica a través do Bono Concilia para que leven aos seus fillos ao centro que elixan”.

 

CAMPUS INDUSTRIAL

 

En canto ás novas propostas de Alberto Núñez Feijóo, Rey Varela centrouse esta tarde en Esteiro na aposta pola especialización do campus de Ferrol como Campus Industrial. “Faremos do campus desta cidade un referente na innovación, único en Galicia, aproveitando o asentamento dos estaleiros e do CIS, coa finalidade de unir aínda máis o noso campus ao tecido industrial da comarca e as potencialidades económicas e sociais do seu contorno”, sinalou.

 

Por último, Rey Varela pediu aos veciños e veciñas de Esteiro que participaron neste encontro o seu voto a Alberto Núñez Feijóo o vindeiro 25-S por ser “garantía de que en Galicia non acontecerá como en España, onde levamos xa oito meses de inestabilidade e bloqueo institucional. En Galicia, unha ampla maioría de Feijóo e do PPdeG garante que non haberá un so día de goberno en funcións, senón que que ao día seguinte das eleccións haberá un presidente e un equipo traballando pola Galicia que todos queremos: unha Galicia de progreso, que siga avanzando polo camiño da recuperación e cun maior benestar para todos os galegos e galegas”, concluíu.

 

Na xornada de hoxe, e dentro da campaña a pé de rúa e de conversas coa xente que están a desenvolver os populares, ademais deste encontro veciñal en Esteiro, en Ferrol tamén se levaron a cabo encontros nas parroquias de Covas e Doniños; así como, no resto da comarca nos concellos de Moeche, Cedeira, Fene e Narón.

Deja un comentario