O PP de Ferrol inicia a campaña pedindo un Si a Galicia, un Si a Ferrol e un Si a Núñez Feijóo o vindeiro 25-S

Ferrol, 8 de setembro de 2016.-  O presidente do Partido Popular de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o secretario xeral da formación en Galicia, Miguel Tellado, ambos candidatos, foron os protagonistas esta noite do comezo da campaña das eleccións autonómicas nun acto celebrado no hotel Carrís Almirante e ao que asistiron representantes públicos e cargos do partido, ademais de numerosos simpatizantes. Os populares de Ferrolterra iniciaron así unha nova contenda electoral coa finalidade de traballar para “facer historia e darlle a Alberto Núñez Feijóo e ao Partido Popular de Galicia a súa terceira maioría absoluta consecutiva”, sinalou Rey Varela.

 

Para conseguilo, o líder do PP de Ferrol instou a superar a fatiga que para algúns votantes pode supoñer unha nova cita coas urnas tendo en conta a situación de bloqueo que está a acontecer en Madrid. “Temos que dar folgos a estas persoas para que non se queden na casa porque a súa participación é máis necesaria que nunca”, dixo. E, ao fío disto, engadiu que “en democracia gañar as eleccións é moi importante ou, cando menos, debería selo. Pero semella que algúns non o entenden así. Por iso é moi importante que o 25-S impidamos que en Galicia ocorra o que está sucedendo en Madrid; e que fronte ao `eu, eu, eu´ e o “non, non e non´ imos contestar nas urnas cun Sí a Galicia, Sí ao goberno de Alberto Núñez Feijóo e Sí a unha nova maioría absoluta do Partido Popular”.

 

Neste sentido, Rey Varela insistiu en que “o obxectivo é que despois do 25-S Galicia siga avanzando polo camiño da recuperación cun goberno estable e cun presidente, Alberto Núñez Feijóo, que ao día  seguinte das eleccións estará el e o seu equipo traballando polo progreso e benestar de todos os galegos e galegas”.

 

GOBERNO ESTABLE PARA NON PERDER OPORTUNIDADES

 

Pola súa banda, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reclamou non relaxarse polos resultados de determinadas enquisas: “Non hai que dar por feito ningún voto. É verdade que temos razóns para gañar pero só o lograremos se conseguimos trasladarllas á cidadanía”, declarou.

 

Tellado lembrou os once trimestres consecutivos de crecemento económico e de descenso do paro para destacar que “foi posible porque houbo un goberno estable e unido en Galicia”, polo que fixo un chamamos a non “deixar que estes froitos se perdan porque non haxa un goberno en Galicia que sexa capaz de aproveitalos”.

“Non nos podemos permitir desperdiciar uns anos de mellora económica cun goberno sen capacidade de ter unha estratexia a longo prazo”, remarcou Tellado, que advertiu igualmente da posibilidade de que uns anos de maiores ingresos para as arcas públicas coincidan cun goberno dividido que sexa incapaz de executar novos avances.

 

O número dous dos populares galegos insistiu na diferenza entre un PPdeG e un Feijóo que pasaron o verán “percorrendo vilas e concellos de toda Galicia” e uns socialistas e unhas mareas de Podemos que estaban “pelexando sobre quen ía nas listas” ou “pelexando sobre se había que xubilar a Beiras”.

 

Lembrou Tellado que Feijóo di “en Galicia si” fronte aos que “dinlle non a Galicia” e gobernan só para as minorías. Lembrando a negativa do Concello de Ferrol a asinar o convenio coa Xunta para desenvolver o Programa de Vivendas Baleiras destacou que, polo seu sectarismo, “prefiren non arranxar os problemas da xente que o pasa mal antes que admitir que a Xunta de Feijóo está axudando”.

 

Criticou tamén o secretario xeral do PPdeG a “arrogancia” das Mareas de Podemos ao falar de “mudalo todo para que nada siga igual” e cuestionouse se iso significa que Galicia debe deixar de ter crecemento económico, deixar de ter a mellor taxa de profesores por alumno ou deixar de bater récord de exportacións e de turismo.

 

O TRABALLO COMO MELLOR AVAL

 

Na súa intervención, José Manuel Rey apuntou que a candidatura de Alberto Núñez Feijóo ten a vantaxe sobre o resto a xestión realizada ao fronte da Xunta de Galicia. “Este traballo é o noso mellor aval para pedir de novo a confianza maioritaria da xente. Nosoutros podemos facelo; os demais non porque non teñen nada que ofrecer agás palabrería. Cero propostas máis alá de `todos contra Feijóo´ pero nula capacidade de xestión, como ben sabemos por desgraza nesta cidade”, dixo.

 

Nesta liña, Rey Varela defendeu a “solvencia” e “seriedade” do programa de Alberto Núñez Feijóo, ao tempo que destacou que “está pensado para gobernar” e que “contén unha destacada presenza de Ferrol”. “As propostas do Partido Popular de Galicia son as únicas, de todas as que concorren ás eleccións, que teñen garantía de cumprimento despois do 25-S porque non estarán sometidas a negociacións e pactos de despacho postelectorais”, afirmou.

 

Así mesmo, contrapuxo a fiabilidade das propostas do candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta coa incógnita que supoñen as dos demais partidos, xa que aínda que “non o din nin o dirán, son plenamente conscientes de que as súas propostas e ideas están suxeitas ao reparto de cargos e liortas internas que terán entre eles se Alberto Núñez Feijóo non obtén a maioría para gobernar, explicou. “Non hai programa alternativo porque a única proposta do resto de forzas políticas é botar a Feijóo; e presentan programas que saben que están destinados a non aplicarse e a converterse simplemente nun muro que bloquee ao goberno”, concluíu.

 

UN PROGRAMA PARA GOBERNAR

 

Rey Varela resumiu algunha das metas que se fixa o programa do PPdeG co que Núñez Feijóo quere revalidar o Goberno de Galicia. A principal é continuar coa senda do crecemento e do emprego, “toda vez que hoxe Galicia crece por riba do 3%, hai menos paro e estamos preto de acadar o millón de afiliados á Seguridade Social”, indicou.

 

Ademais, “blindar” a sanidade, a educación e os servizos sociais, é outro dos eixes que marcarán a acción dun novo Goberno de Núñez Feijóo os vindeiros catro anos, e co compromiso de garantir que 8 de cada 10 euros do orzamento de Galicia se siga destinando ao gasto social como vén sucedendo ata agora.

 

Entre as liñas de acción incluídas no programa dos populares galegos está tamén: o impulso da natalidade e o reforzo de medidas de apoio ás familias, á infancia e á conciliación que xa están en marcha e que se garantirán por lei a través dunha nova Lei de Impulso Demográfico; estender o plurilingüismo á Educación Infantil e á Formación Profesional; continuar desenvolvendo un modelo territorial e ambiental que ten entre os seus principais avances a gratuidade do transporte metropolitano nas cidade para o menores de 19 anos e o saneamento das nosas rías; ou achegar máis a administración autonómica aos cidadáns a través dunha nova Lei de Goberno Dixital.

 

FERROL SÍ QUE IMPORTA

 

Así mesmo, Rey Varela incidiu no peso que os temas claves Ferrol teñen no programa do PPdeG. Neste sentido, referiuse á acción da Xunta de Núñez Feijóo a prol do sector naval, que en coordinación co Goberno Central permitiu “despexar os nuboeiros que ameazaban aos estaleiros da nosa ría”. “Hoxe Navantia Ferrol recuperou a súa carga de traballo e a antiga Astano volve estar funcionando, sen renunciar a nada e abríndose a un novo sector como a eólica mariña”, manifestou.

 

Ao respecto, o dirixente do PP local expuxo que “mentres os outros dedicábanse a facer `pancartismo´, Feijóo cumpría. Cumpriu co flotel, que moitos negaban e que supuxo un punto de inflexión no naval da nosa ría despois de case 8 anos sen contrato algún, e agora volve cumprir co novo pedido de Iberdrola para a fabricación doutros 34 jackets en Navantia Fene”.

 

Outras demandas de Ferrol e comarca ás que atende a candidatura que encabeza Núñez Feijóo son: completar o plan director do Arquitecto Marcide, que situará este hospital á altura dos de Vigo, Ourense ou Lugo; a construción dun novo centro de saúde en San Xoán; a finalización do saneamento da Malata; o impulso da conexión ferroviaria ao porto exterior; a continuación dos traballos do Viario de Alta Capacidade da Costa (VAP); o remate das obras de mellora da residencia de Caranza e unha nova residencia de maiores na cidade; o apoio á rehabilitación de A Magdalena e Ferrol Vello, e a declaración de Área de Rehabilitación Integral (ARI) para Recimil; seguir adiante co proxecto de “Abrir Ferrol ao Mar”; e a especialización do campus universitario de Ferrol como Campus Industrial.

 

“Hai máis Ferrol no programa do Partido Popular de Galicia que na suma das propostas electorais dos demais partidos; porque nosoutros Si cremos nesta cidade, nesta comarca e na súa xente”, sinalou Rey Varela; quen ademais lembrou que o PPdeG “é o único de cantos concorren aos comicios que garante que esta comarca terá voz e voto no Parlamento que saia das urnas o vindeiro 25-S”. “A candidatura de Feijóo conta con representantes desta cidade; outros, lamentablemente, non poden dicir o mesmo. ¿Quen son os candidatos por Ferrol das Mareas de Podemos?, ¿que posto ocupan na lista os do PSOE local?…”, preguntouse.

 

ESTABILIDADE FRONTE A LIORTAS

 

Rey Varela declarou que o PPdeG “é garantía de estabilidade” e que “alí onde gobernamos somos un partido cun proxecto contrastado porque somos un partido unido”; ao tempo que evidenciou que fronte ao proxecto de Núñez Feijóo “só hai unha liorta de partidos ou de unións temporais de partidos que nin sequera se entenden entre eles”.

 

Ademais, amosouse convencido de que o vindeiro 25 de setembro “Galicia seguirá apostando pola estabilidade, a responsabilidade e a unidade”; e que é posible “unha nova maioría de Alberto Núñez Feijóo que garante que Galicia siga crecendo e que sente as bases do seu futuro”.

 

Por último, o presidente do Partido Popular de Ferrol e candidato instou a “traballar xuntos, con ilusión e con humildade” estas dúas semanas de campaña. “Miremos aos ollos da xente, falemos de ti a ti con todo o mundo e pidamos de novo a confianza das persoas pola Galicia á que todos queremos e que todos queremos”, concluíu.

Deja un comentario